Monday 29 de April de 2024

A Xunta achegou preto de 130.000 euros en catro anos para mellorar a accesibilidade da Fervenza do Ézaro


― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, comprobou os traballos de eliminación das barreiras arquitectónicas levados adiante na fervenza para a que o Goberno galego achegou o ano pasado case 30.000 euros

― Dumbría foi un dos 122 concellos que se beneficiaron o ano pasado ao abeiro da orde de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas dos municipios de ata 10.000 habitantes

― A Xunta destina 1M€ á nova convocatoria para este ano coa que se pretende poñer en valor os recursos turísticos dos municipios e a súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística co obxectivo de atraer visitantes

― As axudas enmárcanse no Plan Camiña, que inclúe medidas de apoio coma estas destinadas ás entidades locais, así como outras dirixidas ás empresas do sector turístico galego e ao turismo familiar, ás universidades e ás entidades sen ánimo de lucro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe os traballos de mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas levadas adiante na fervenza de Ézaro, no concello de Dumbría, ao abeiro da orde de subvencións para a mellora de infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes. “Este ano continuaremos con este apoio aos concellos coa nova convocatoria á que destinamos 1 millón de euros co obxectivo de seguir atraendo visitantes a estes territorios”, explicou Nava Castro.

A Xunta achegou case 30.000 euros o ano pasado para acometer os traballos de mellora, que se suman aos case 100.000 euros investidos desde 2018 para a posta en valor deste recurso turístico de primeiro orde na Costa da Morte, unha parada obrigada para quen visita este territorio, tal e como puxo de manifesto a directora de Turismo de Galicia durante a visita.

Castro destacou durante a visita que foron un total de 122 os concellos de menos de 10.000 habitantes que se beneficiaron o ano pasado desta liña de axudas para mellorar as infraestruturas turísticas, co obxectivo de contribuír a recuperar os recursos dos municipios e mellorar a súa accesibilidade e sinalización, ademais de avanzar na humanización de áreas coma estas que reciben un volume alto de visitantes para avanzar nun turismo accesible e sostible.

Actuacións subvencionables
Nava Castro animou ao concello de Dumbría a volver a presentarse a esta nova convocatoria de axudas que permiten levar adiante actuacións de sinalización, embelecemento, iluminación, accesibilidade ou recuperación e posta en valor de recursos turísticos con riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística como miradoiros, sendeiros, así como a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.

Castro destacou que esta liña de axudas enmárcase dentro do Plan Camiña co que o Goberno galego quere seguir traballando para a reactivación do turismo galego, a través do apoio ao sector turístico, ás entidades locais con esta convocatoria, ou a través da posta en marcha doutras accións e liñas de axuda que permitan seguir incrementando a calidade e a formación sector turístico galego, aproveitando o tirón da celebración do segundo Ano Santo.